| Español | Čeština | English | Français | Galego |
Publicamos aquí unha contribución que sintetiza unha serie de discusións sobre a situación de Rojava. Este texto provén de militantes que afirman estar adheridos ao movemento anarquista arxentino, na cidade de Rosario, e foi publicado orixinalmente no seu boletín “La Oveja Negra”.
Recibimos con alegría o esforzo destes militantes na súa crítica comunista do movemento social que está a ocorrer fronte aos nosos ollos, sen caer en ilusións de estéticas ou romanticas visións demasiado a miúdo escoitadas sobre Rojava e sobre outras loitas da nosa clase.
Desafortunadamente, moi poucos textos críticos circulan na actualidade sobre a “Revolución en Rojava” e a “Cuestión Kurda”, especialmente en español (NdeAb- e en galego).
Un último e pequeno comentario: os compañeiros de La Oveja Negra atribúen erroneamente (nas notas ao pé) a realización de dous textos que de feito, só traducimos, presentamos, publicamos no noso blogue e difundimos internacionalmente. Isto tiña que ser dito.
REVOLUCIÓN EN ROJAVA?
O territorio reivindicado pola etnia kurda atópase entre Siria, Turquía, Irán e Iraq. Xusto no medio dunha das zonas con maiores recursos de cru e gas do mundo. Nesta rexión, desde hai un século veñen desenvolvendo numerosas loitas e iniciativas de autodeterminación que levan adiante diversos grupos e faccións kurdas.
O contexto actual é complicado e emerxe a grandes liñas da coincidencia de tres factores: o conflito armado que desenvolve o PKK (Partido dos Traballadores do Kurdistán) con Turquía desde 1984, a invasión da coalición encabezada por EEUU a Iraq en 2003 (e a subsecuente profundización do enfrontamento interétnico), e a guerra civil en Siria desde 2011.
Lembremos que diversas rexións de Siria (entre elas a que os kurdos chaman Rojava) foron o terreo de impoñentes loitas proletarias en –e antes de- 2011, con diversas expropiacións e enfrontamentos de proletarios armados coas forzas represivas (producindo á súa vez desercións masivas de soldados), cun importante grao de asociacionismo proletario. Esta situación aos poucos foi sendo transformada pola burguesía nunha guerra civil, canalizando moitas das estruturas proletarias que xurdiran da loita no Exército Libre Sirio (ELS), convirtindo así a loita proletaria nunha loita entre fraccións burguesas.
É fundamental mencionar ese proceso, xa que é neste contexto que diversas agrupacións kurdas, sendo o PKK a máis considerable numericamente e en influencia, lograron levar adiante un proceso de control dos territorios do norte Sirio (Rojava) nutríndose de moitas das rupturas de proletarios co ELS cando se fixo máis evidente o seu caracter burgués. De feito, o novo cuco de Occidente, a organización coñecida agora como Estado Islámico (xihadismo sunnita radical), xurde xustamente do desmembramento do ELS, cando este comeza a perder forza e prestixio e no seu seo vai tomando maior preponderancia o fundamentalismo islámico.
É en gran parte debido ao enfrontamento entre as forzas kurdas co EI, como unha das forzas intervenientes na rexión, que o PKK tomou tanta relevancia a nivel internacional e recibiu apoio dun amplo espectro mundial, desde socialdemócratas ata liberais.
Á súa vez, en todo este complexo proceso que é imposible resumir en tan poucos parágrafos, veñen dando unha serie de peculiaridades que fan que moitos proletarios poñamos o ollo nesta rexión. Para nós é imprescindible comprender estes procesos e defender as rupturas proletarias neles, así como atacar despiadadamente as falsificacións ideolóxicas e as canalizacións burguesas.
Estas reflexións parten desta necesidade, motivadas sobre todo polas grandes confusións que xeran moitos grupos autodefinidos revolucionarios que chegan a falar de revolución en Rojava. Vexamos un pouco…
O PKK
É un partido político kurdo fundado en 1978. Étnico, aínda que actualmente os seus membros e os seus aliados pretendan suavizalo. Socialdemócrata, aínda que pretendan facelo pasar por revolucionario. Feminista, se por feminismo entendemos que a muller estea en igualdade de condicións tanto para a guerra como para o traballo. Ecoloxista, aínda que non dubiden en seguir extraendo petróleo.
Nas súas orixes foi un partido marxista leninista con claras cuestións formais herdadas do maoísmo (guerrilla en contorna rural, prohibición de vínculos amorosos entre os seus membros, disciplina militar, etc.). Nos últimos anos adoptou unha tendencia máis socialista libertaria, primeiro supostamente pola formación e a viraxe ideolóxica no cárcere do seu lider Öcalan, e logo polas determinacións do seu 8º congreso en 2002.
Á súa nova doutrina chámana confederalismo democrático, a cal está moi ligada ao concepto de municipalismo libertario esbozado polo norteamericano Murray Bookchin e expresa críticas cara ao concepto tradicional de Estado-Nación, avogando por unha sociedade federal, ecolóxica e feminista. Neste texto nos espraiaremos sobre as terribles limitacións dalgúns aspectos deste gran e confuso revolto ideolóxico.
Antes queremos precisar que as razóns principais desta viraxe son dúas. En primeiro lugar, a estratexia internacional do PKK para deixar de seguir sendo considerado unha organización terrorista pola OTAN, como complemento á súa táctica de crear organizacións paralelas –como o PYD (Partido da Unión Democrática de Siria)- que é a que veu tendo ao longo da súa historia para desenvolver a súa política en parlamentos rexionais dos catro países.
Por outra banda, deixou de ser rendible ser marxista leninista cando a polarización imperialista mundial cambiou notablemente desde a década do 70. Sen a Unión Soviética cubríndolles as costas e entregándolles armas, probablemente éralles necesario empezar a cambiar de estratexia.
Para quen loita pola revolución social non é ningunha novidade ser considerados terroristas polos Estados que sexan como forma de dar vía libre á represión, pero claro que para o PKK esta acción da OTAN é unha traba para poder conformarse finalmente nun Estado, participar no comercio mundial do cru e sentar nas Nacións Unidas.
«O PKK/PYD era remiso a unirse aos levantamentos anti-Assad en Siria en 2012 e agora estano igualmente para abolir a propiedade privada. Antes eran aliados da ditadura asasina de Assad, e agora aliáronse cos EEUU e a súa campaña de bombardeo mortal. Tal campaña puido salvar a Kobane, pero probablemente alentou tamén aos árabes para desconfiar dos kurdos e a comprometerse co Estado Islámico. E isto está a empuxar máis profundamente á rexión a un baño de sangue inter-imperialista.» (1) Nós debemos dicilo abertamente, o PKK é unha forza contrarrevolucionaria desde os seus inicios e actualmente é o encargado de canalizar as expresións máis avanzadas que aínda quedan na rexión do norte sirio. Ese é tamén un importante motivo do seu cambio estratéxico. Ademais de críticar o seu accionar nas súas rexións de influencia, debemos precisar tamén como son utilizados este tipo de procesos contrarrevolucionarios ao longo do mundo.
Que é o Estado?
«O Estado non é simplemente unha estrutura constituída por un goberno, unha policía, un exército, xunto a un aparello administrativo; o Estado, como o movemento comunista entendeuno, é unha relación social, a materialización da orde do mundo capitalista, pouco importa se a súa lexitimidade está baseada nas asembleas parlamentarias ou comunitarias. Así pois, se o PKK e os seus colegas do PYD reivindican que non buscan crear un Estado, é soamente porque en realidade eles representan xa ao Estado, debido ao papel práctico e ideolóxico que eles xogan en Rojava. Iso ao que algúns partidarios do PKK chaman moi acertadamente “un Estado sen Estado”, é dicir, un Estado que non se territorializa obrigatoriamente na forma dunha Estado-Nación, pero que ao final constitúe aínda un Estado nese sentido, onde as relacións sociais capitalistas, a propiedade privada, non son postas fundamentalmente en cuestión.
(…) Todo o mundo pode adiviñar facilmente quen ten o peso real. O PYD ten un virtual monopolio das armas. Eles son o Estado. E en cada país (Iraq, Irán e Siria), a burguesía kurda local puxo en marcha a súa propia entidade nacional na mesma liña. Esas entidades poderían non ser recoñecidas polo imperialismo internacional, pero son Estados en todos os aspectos, excepto no seu nome. Nalgúns aspectos, inciden máis na vida dunha persoa que o Estado no Reino Unido. Por exemplo, se se ten máis de 18 anos, estase obrigado á conscripción. E en canto ao suposto internacionalismo do PYD, o seu xefe Saleh Muslim ameazou con expulsar a todos os árabes do territorio “kurdo” en Siria a pesar do feito de que a maior parte deles naceron aí.» (2)
Aínda que hai expresións kurdas máis decididamente prol-estatais, como o goberno de Iraq presidido por Talabani ou o goberno rexional do Kurdistán Iraquí encabezado por Barzani (ambos os dous enfrontados entre si e ademais co PKK), isto non quere dicir que o PKK non o sexa tamén.
O PKK rompeu aparentemente coa clásica concepción da toma do poder do Estado, propia do marxismo-leninismo, para introducir certas “críticas” ao Estado na súa nova doutrina do confederalismo democrático. Estas críticas expoñen un cambio formal, onde o novo Estado que eles denominan “confederación”, asuma cada vez máis tarefas de organización social con democracia de base, expondo á súa vez a procura dunha convivencia o máis pacífica posible cos Estados xa existentes, facendo uso da lexítima defensa se fose necesario.
Este conto da democracia directa, da resistencia local fronte aos Estados preexistentes, da autodeterminación dos pobos, da administración dun territorio “sen Estado” en realidade non é nada novo.
Todas estas fantasías son as que seduciron a moitos sectores do anarquismo (incluídos algúns da nosa rexión), que brindaron o seu apoio de diversas maneiras, incluso chamando a tomar parte nas milicias kurdas como o fixo o referente do movemento Occupy David Graeber.
É asombroso unha vez máis como moitos dos que se din partidarios da destrución do Estado e centran as súas críticas e análises neste, caen outra vez na trampa. É que moitas das críticas que se enfocan no Estado como o problema central da sociedade capitalista non terminan de comprender a súa natureza e terminan defendéndoo baixo unha nova forma.
Debemos insistir na necesidade de comprender e criticar a sociedade da maneira máis total posible. Cando falamos de revolución social falamos de suprimir a totalidade das relacións sociais capitalistas: Estado, propiedade privada, traballo asalariado, produción mercantil, valor…
Afixémonos demasiado a que cando se fala de revolución fálase de forma e non de contido. Neste sentido, caeuse mesmo no facilismo de comparar imaxes de mulleres armadas das milicias kurdas coas de milicianas do 36 en España, así como de chamarlle fascismo ao Estado Islámico, avogando unha vez máis pola conciliación coa burguesía contra o mal maior, tal como ocorreu cos republicanos contra o franquismo na Guerra Civil Española.
Unha vez máis, atopámonos con paralelismos históricos que se basean nos erros de comprensión dun e outro período, e non nun balance crítico e anticapitalista das loitas da nosa clase.
Revolución feminista?
«O carácter subversivo dun movemento ou dunha organización non pode ser medido polo número de mulleres armadas. O seu carácter feminista tampouco. Desde os anos sesenta, en todos os continentes, a maioría das guerrillas estaban compostas ou se compoñen por un gran número de mulleres combatentes; Colombia é un exemplo. Máis aínda nas guerrillas de inspiración maoísta (Nepal, Perú, Filipinas, etc.) que aplican a estratexia de “guerra popular”: a igualdade entre homes e mulleres debe contribuír a abater os marcos tradicionais, feudais ou tribais (sempre patriarcais). Non cabe dúbida de que a fonte do que os especialistas cualifican como “feminismo marcial” está nas orixes maoístas do PKK-PYD.» (3)
«A revolución feminista foi tamén modesta. Os homes predominan sempre nas rúas como nos lugares de traballo. E, como o sitio web do PKK móstrao, a teoría feminista da organización deriva máis dos pensamentos do seu patriarca Öcalan que dalgún movemento feminista independente. Ademais, é pouco probable que a autonomía das mulleres proveniente do seu alistamento na milicia –ou do seu enrolamento forzoso– dure. Tal como sucedeu en guerras revolucionarias precedentes, esta autonomía será inevitablemente contradita polo des-empoderamento de obedecer ordes, combinada coa brutalidade e o trauma da guerra.» (4)
E entón…
Quen lea esta publicación cun carácter pernicioso acusarannos de puristas, de non querer ensuciarnos, de manternos á marxe. Pero unha cousa é comprender as contradicións presentes nun proceso social dado e loitar por superar esas contradicións de maneira revolucionaria, e outra moi diferente é a defensa desas contradicións coma se a súa mera existencia implicase o comezo dunha revolución social.
Non dubidamos da existencia histórica de loitas proletarias na rexión que os kurdos denominan Kurdistán. É tarefa nosa e de todos os internacionalistas o tratar de penetrar o manto ideolóxico socialdemócrata e sacar conclusións do período actual. Non se trata de evitar o apoio aos kurdos senón de recoñecer aos kurdos como unha etnia como calquera outra, con clases sociais e tensións culturais e cotiás de todo tipo. Non se trata de apoiar xeral e acríticamente a calquera expresión, baixo a idea vitimista de pobo sen nación. ¡Á merda as nacións!
Os revolucionarios somos internacionalistas, non facemos a vista gorda en tal ou cal rexión nin loitamos por cousas distintas en distintas rexións. Non avalamos a liberación nacional aquí, a revolución comunista alá e o confederalismo democrático noutro lado. ¡Á merda a autodeterminacion!
Temos que desembarazarnos desa lóxica esquerdista, aquela que sempre parte da análise dos conflitos interburgueses nunha rexión, para logo tomar partido pola súa forza predilecta. Sempre debemos partir das expresións xenuínas de loita da nosa clase, para atopar a forma de solidarizarnos e de colaborar na súa proxección e contaxio.
Non hai lados a tomar neste conflito se nos baseamos no relato que nos queren vender. O noso único lado posible é sempre afirmar as consignas invariantes, non dobrarse, non encegarse: ¡Revolución social, mundial e total!
Notas:
(1) Tridni Valka, Rojava, fantasías y realidades
(2) Tridni Valka, Rojava: la guerra popular no es la guerra de clases
(3) Gilles Dauve, ¿Kurdistan?
(4) Tridni Valka, Rojava, fantasías y realidades
Fontes:
En galego: http://abordaxe.wordpress.com/2015/12/02/kurdistan-revolucion-en-rojava/
En español: http://boletinlaovejanegra.blogspot.fr/2015/09/revolucion-en-rojava.html & http://www.mediafire.com/view/xmfz62d4viheb59/laovejanegra31rosario.pdf
La Oveja Negra
Boletín da Biblioteca e Arquivo Histórico-Social «Alberto Ghiraldo»
Ano 4 Número 31 Setembro 2015